Juan Pistarini
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de decembro de 1882 Victorica, Arxentina (pt) |
Morte | 29 de maio de 1956 (73 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Vice-presidente da Argentina (pt) | |
10 de outubro de 1945 – 4 de xuño de 1946 | |
Ministro de Obras Públicas | |
Datos persoais | |
Educación | Colégio Militar da Nação (pt) |
Actividade | |
Ocupación | enxeñeiro, político, militar |
Período de actividade | 1898 - |
Partido político | Partido Justicialista (pt) |
Carreira militar | |
Lealdade | Arxentina |
Rango militar | tenente xeneral |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2017.) |
Juan Pistarini, nado en Victorica (A Pampa) en 1882 e finado en 1956, foi un militar e político arxentino. Foi ministro de Obras Públicas, de Mariña, de Agricultura e de Interior de varios gobernos de facto durante a década de 1940, e vicepresidente de Edelmiro Julián Farrell. Foi o principal promotor do Aeroporto de Ezeiza, que leva o seu nome.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado nunha familia de orixe italiana, Pistarini ingresou en 1895 ó Colexio Militar; malia o forte prexuízo imperante daquela nas clases superiores, das que proviña a meirande parte da oficialidade militar, contra as persoas desta orixe, graduouse entre os mellores alumnos da súa clase. Estudou enxeñaría en Europa, tralo cal regresou á Arxentina a prosegui-la carreira militar.
Ascendido rapidamente, era xa maior en 1921, cando xunto con outros destacados militares formou parte da loxa Centro General San Martín, que se oporía á política de Hipólito Yrigoyen e lograría de Alvear que nomease ministro de Guerra a Agustín P. Justo. A loxa disolveuse en 1928, cando o triunfo de Yrigoyen outorgoulle por segunda vez a presidencia da Nación, pero durante ese período trabou estreitos lazos entre os seus membros, que desempeñarían varios dos episodios golpistas dos anos seguintes. Entre eles contábanse Pedro Ramírez, Manuel A. Rodríguez, Benjamín Menéndez, Arturo Rawson e Rodolfo Márquez, ademais do seu principal promotor, Luis J. García. Desa época data a estreita amizade de Pistarini con Carlos von der Becke, con quen se reencontraría uns anos máis tarde en Europa, sendo este condiscípulo de Rommel na Academia Militar de Berlín.
Na década de 1930 a hábil manobra de Justo para regresar ó poder vería á loxa reconstruírse e a Pistarini cumprir funcións de agregado militar en Europa; xa en 1930 fora enviado por José Félix Uriburu coma cabeza dunha expedición de compra de armas a Alemaña, para o que o seu dominio do alemán resultoulle útil. Pistarini recibiu unha medalla do goberno alemán, á que uns anos máis tarde sumaríanse a Orde da Aguia Dourada con follas de carballo e unha Cruz de Ferro do Terceiro Reich. En 1934 foi nomeado comandante da gornición de Campo de Maio, a principal base militar do país. Puxo en práctica a súa formación coma enxeñeiro para plantala con máis dun millón de árbores; e pouco máis tarde, sería nomeado ministro de Obras Públicas.
Como tal, presentou o proxecto para a construción do Aeroporto de Ezeiza, que foi aprobado pola Lei 12.285 o 30 de setembro de 1935. A súa obra coma tal sería inmensa, acorde ó estilo monumental da política de inspiración mussoliniana que seguía o Exército e o goberno da época, pero habería de esperar uns anos, ata ser nomeado de novo no cargo por Edelmiro Farrell, para executala; nese tempo foi destinado a Berlín en 1937, viaxou a Roma co, por aquela, tenente coronel Juan Domingo Perón e participou nos plans que darían orixe ó Grupo de Oficiais Unificado (GOU), unha facción militar que levaría eventualmente a Perón ó goberno.
Malia a neutralidade arxentina na segunda guerra mundial, Pistarini asinou numerosos contratos de obra coa sinatura alemá GEOPE e non agochou as súas simpatías polo réxime nazi, unha filiación que o resto do GOU compartía. Participou no alzamento do 4 de xuño de 1943, e en 1944 foi nomeado novamente ministro. Nese cargo, ordenou grandes obras para palia-los efectos do gran terremoto de San Xoán de 1944; os seus plans incluíron tamén miles de quilómetros de rutas, ademais das obras requiridas para adapta-la circulación —que o 6 de xuño de 1945 pasou a se efectuar pola dereita—, miles de escolas, cuarteis militares, barrios residenciais para a oficialidade baseados no modelo da arquitectura colonial de California, e unha gran cadea de hoteis de turismo ideada polo réxime peronista.
Coma ministro interino de Mariña deseñou o proxecto de ampliación que faría da frota fluvial arxentina a maior de América Latina e a cuarta do mundo, e en 1945 puido inaugura-las obras do aeroporto de Ezeiza. Moitos dos contratos foron executados pola Compañía General de Construcciones de Ludwig Freude, intimamente asociada coa rede de espionaxe nazi activa en Suramérica por xacando; Pistarini ameazou con renunciar cando os aliados esixiron a deportación de Freude, do que se sospeitaba unha relación co goberno alemán.
Aínda que formou parte do grupo de oficiais que el 9 de outubro de 1945 se pregou ós reclamos dos insurrectos de Campo de Maio contra Perón, seguiu formando parte do goberno tralo masivo apoio obreiro que determinou a liberación deste o 17 do mesmo mes. Foi detido tralo derrocamento de Perón, e morreu en prisión ó ano seguinte.
Predecesor: Juan Domingo Perón |
Vicepresidente da Arxentina 1945–1946 |
Sucesor: Hortensio Quijano |